Conferencia Final proxecto EKT
O pasado día 13 celebramos a conferencia final do noso proxecto europeo EKT (Educational Knowledge Transfer), na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.
Nesa xornada, na que participaron máis de 200 persoas, os diferentes membros do consorcio europeo desta Alianza do Coñecemento, presentaron as diferentes partes do proxecto. Nos, dende o CESGA, presentamos a plataforma que desenvolvemos, en colaboración principalmente coas outras dúas institucións tecnolóxicas que coordinamos: BeezNest e LusoInfo, e que tivo unha gran acollida nesa xornada por parte de administracións, autoridades educativas e distintos usuarios que presentaron a súa experiencia con ela.
Pola tarde celebráronse diferentes obradoiros, para dar unha visión máis polo miúdo das diferentes partes da aplicación e as súas posibilidades de uso: xestión, analítica da aprendizaxe, xeración de contidos, etc.
O director xerente do CESGA, Lois Orosa, participou na apertura da xornada, acompañando ao resto de autoridades. Na foto, coa Dra. Beatriz Cebreiro, IP do grupo de investigación TecnoEduc, coordinadores do proxecto, e o Director Xeral de Universidades da Consellería de Educación, J. Alberto Díez de Castro.