App para a recollida de datos de campo en ciencia escolar. Proxecto eInnoEduCO2
No proxecto europeo eInnoEduCO2, o CESGA presta o soporte tecnolóxico para o desenvolvemento de ferramentas e solucións para a mellora das propostas de ciencia escolar en contextos como o da pandemia COVID-19, onde os escenarios presenciais, remotos, a recollida de datos científicos para proxectos escolares e outras actividades que implicaran a colaboración en tempo real supoñen un reto. Así, no marco do proxecto, integrouse un sistema de soporte para clases virtuais e a colaboración en tempo real baseado en ferramentas de código aberto como Big Blue Button, e na actualidade estase a desenvolver unha ferramenta educativa móbil para a recollida de datos de campo, xeolocalizados.
O deseño da ferramenta está pensado para permitir ao/á docente crear os seus proxectos de observación científica, identificando os elementos a observar e os tipos de datos que require que os/as estudantes recollan (audio, vídeo, fotos, datos textuais, etc.) así como outros tipos de datos interactivos ou externos que poidan xerarse mediante sensores ou dispositivos conectados ao móbil, e estes datos sexan gardados no momento xeoreferenciando a súa posición, así como gardando as condicións climáticas (temperatura, humidade, etc.), de altitude, que permitan facilitar a recollida da maior información de forma sinxela. A app tamén permitirá a visualización e xestión sinxela da descarga dos datos obtidos polos/polas estudantes para o seu traballo posterior.
Esta ferramenta estará dispoñible para as probas de campo nos próximos meses, e contará inicialmente cunha versión en inglés, que despois será ampliada ao resto de idiomas do consorcio europeo participante no proxecto.
O CESGA xa conta con experiencia neste tipo de desenvolvementos, co seu traballo previo no proxecto PhenoloGIT, que permitíu valorar as potencialidades deste tipo de tecnoloxías móbiles para a aprendizaxe en entornos exteriores á aula.