Ruta das Exploradoras Dixitais

Graciñas por participar nesta actividade do Día das Rapazas nas TIC! aquí podes descubrir máis detalles das protagonistas da mesma, tanto das figuras históricas, como das científicas de hoxe que participaron na ruta.

Ada Lovelace: a primeira programadora da historia

Como se pode falar cos ordenadores? Ada Lovelace, naceu nunha familia aristocrática británica no século XIX e coma súa nai, a baronesa Anna Isabella Noel, foi unha apaixoada da ciencia. Ada foi unha brillante matemática que sobre todo é moi célebre polo seu traballo no ordenador mecánico de propósito xeral de Charles Babbage, a chamada “Máquina analítica”. Foi a primeira en recoñecer que esa máquina tiña aplicacións máis aló do cálculo! publicou o que coñecemos como o primeiro algoritmo (un conxunto de instruccións para que a máquina siga paso a paso), polo que é considerada a primeira programadora informática da historia.

Grace Hopper: a raíña da programación

Grace Hopper, a tradutora informática. Imaxina unha época na que os ordenadores eran enormes e difíciles de usar. Grace Hopper, unha brillante física e matemática, quería facilitar a programación para todos. E conseguiuno! Creou o primeiro tradutor de código, o COBOL, unha ferramenta que convertía as instrucións humanas nunha linguaxe que as máquinas podían entender. Grazas a Grace, a programación fíxose máis fácil e accesible, abrindo as portas a un mundo de posibilidades. Mesmo acuñou o termo “bug” para referirse aos erros informáticos!

Margaret Hamilton: a enxeñeira detrás dos primeiros pasos na lúa.

Imaxinas pisar a Lúa? Margaret Hamilton, matemática e enxeñeira espacial, foi unha das responsables de facelo posible. Dirixiu un equipo que desenvolveu o software que guiaba a nave espacial Apolo. O seu traballo foi tan importante que algúns a consideran a “salvadora” da misión á Lúa! Ademais do seu traballo no programa Apollo, Margaret tamén contribuíu ao desenvolvemento da enxeñaría de software, disciplina que se encarga de crear programas informáticos fiables e eficientes. O seu legado segue inspirando a novas xeracións de científicos e enxeñeiros!

Hedy Lamarr: unha vida de película

Ademáis de ser unha enxeñeira autodidácta e inventora brillante, foi unha actriz de cine glamourosa na época dourada de Hollywood. No medio do seu éxito cinematográfico, contribuíu de forma moi relevante co seu inxenio contra o nazismo, ideando un sistema de comunicación secreto que cambiaría o mundo para sempre: o “salto de frecuencia”, inspirado nas teclas dun piano. Este sistema é a base de tecnoloxías como WiFi, GPS e Bluetooth que utilizamos na actualidade.

Gladys Mae West: a matemática detrás do GPS

Imaxinas un mundo sen GPS? Sería difícil atopar o camiño en calquera lugar! Pois ben, unha das persoas que fixo posible este sistema tan útil foi Gladys West, unha brillante matemática americana. Gladys creceu nunha época na que as mulleres, e menos se non eran blancas, non tiñan moitas oportunidades, pero loitou polo seu soño de estudar matemáticas. O seu traballo calculando a forma da Terra e desenvolvendo modelos de satélites foi fundamental para crear o GPS. Aínda que o seu traballo non foi recoñecido durante moitos anos, Gladys nunca se rendeu. A súa historia ensínanos que a intelixencia e a determinación non teñen barreiras de xénero ou raza.

Angela Ruíz Robles, a mestra apaixonada da tecnoloxía.

Imaxinas un libro que non só poidas ler, senón tamén escoitar e ver? Angela Ruiz Robles, unha mestra inventora leonesa, que vivíu e traballou en Galicia, ideou un dispositivo que podería considerarse o primeiro libro electrónico da historia! A súa “Enciclopedia Mecánica” era unha máquina con luces e sons que permitía aos alumnos aprender dun xeito máis interactivo e divertido. Aínda que o seu invento non foi producido en serie, Ángela ensínanos que a imaxinación e a creatividade non teñen límites.

As científicas actuais da Ruta

Natalia Costas Lago

Natalia Costas Lago, enxeñeira en telecomunicaciones e máster en seguridade da información e investigadora , xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) e os servizos de rede do Centro de Supercomputación de Galicia (http://www.cesga.es), ademáis de participar en proxectos innovadores baseados nas TIC.

Lorena Fernández

Lorena Fernández Fernández é unha matemática especializada en matemáticas industriais con experiencia no campo da dinámica de fluídos. Traballou en diversos proxectos de investigación, tanto académicos como industriais, relacionados co comportamento dos fluídos (comprender como se comportan os líquidos e os gases) disciplina que require de supercomputadoras para abordar a resolución de problemas tan complexos. Comezou a súa carreira no Grupo Integrado de Enxeniería (GII) da Universidade da Coruña (UDC) en Ferrol, onde participou na investigación sobre a formación de burbullas pola velocidade, mestura de colas en tanques e formación de regueiros. Posteriormente, trasladouse ao Centro Nacional de Enerxías Renovables (CENER) de Pamplona, ​​onde se centrou no desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras para a xeración de enerxía eólica.

Actualmente, Lorena traballa no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), no ámbito da intelixencia artificial aplicada á industria. O seu obxectivo é aplicar esta ferramenta para optimizar os procesos industriais e mellorar a eficiencia produtiva.

Albina Sarymsákova

Albina Sarymsákova é unha investigadora posdoutoral do CITIUS que traballa no proxecto DeepR3.gal, que trata de crear tecnoloxías lingüísticas responsables que nos axuden a falar e escribir mellor. Para iso, co seu equipo, emprega ordenadores moi potentes e algoritmos de intelixencia artificial para procesar o noso discurso e desenvolver tecnoloxías para a súa mellora. Entre outras cousas, crea os modelos lingüísticos para o análise da pronuncia.

Se queres saber máis sobre o seu traballo, podes visitar: https://citius.gal/team/albina-sarymsakova/

Cecilia Grela

Cecilia Grela é enxeñeira informática, máster en Consultoría en Software Libre e desarrolladora de software en proxectos de I+D+i (entre outros ICT-Go-Girls!) e formadora en TIC.

María José R Malmierca

María José é como unha exploradora do mundo dixital, descubrindo novas formas de utilizar a tecnoloxía para facer a educación máis divertida e interesante.
María José dirixiu incribles proxectos para centros educativos, como “Rede de Escolas na Nube”, que achega internet e ferramentas dixitais aos centros rurais, ou o primeiro curso multimedia para aprender galego en Internet. Tamén traballou en proxectos europeos para que os nenos aprendan ciencia con realidade aumentada ou constrúan barcos na clase.

Pero iso non é todo, dende o CESGA tamén busca formas de animar ás nenas a estudar tecnoloxía! O proxecto “ICT-Go-Girls!” está detrás desta actividade “Día das Rapazas nas TIC”.

CRÉDITOS

Organiza: Centro de Supercomputación de Galicia, Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática, CITIUS -USC.

Colabora:

  • Xunta de Galicia: Consellería de Educación, Universidade e FP, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
  • Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, sección Galicia (AMIT-Gal)
  • Asociación .GAL
  • Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da USC
  • Facultade de Informática da UDC
  • Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo
  • Hello Sisters!, GalsTech