
Peneira presente en SIMO 25
O Centro de Innovación Educativa Dixital (CIEDIX) participou en SIMO EDUCACIÓN, a Exposición Internacional de Tecnoloxía e Innovación Educativa, celebrada do 28 ao 30 de outubro. Alí, presentou, entre outros proxectos, Peneira, a ferramenta de Ciencia Participativa creada polo CESGA.
Peneira é unha ferramenta aberta e flexible deseñada por expertos en tecnoloxía educativa do departamento de aprendizaxe virtual do CESGA. Está deseñada para apoiar a recollida, visualización e interpretación de datos educativos e científicos. Os participantes poden recoller todo tipo de datos de campo multimedia usando o seu dispositivo móbil ou tableta, e mesmo recoller datos de sensores conectados a placas como Arduino ou Micro:bit.

Peneira baséase na metodoloxía da aprendizaxe baseada en proxectos (ABP) e é aplicable a proxectos educativos en todas as ramas da ciencia, como: análise e observación de recursos naturais, lingüísticos ou patrimoniais; cartografía de recursos locais ou comparacións entre diferentes áreas; creación de mapas lingüísticos ou catálogos de patrimonio histórico/natural, etc.