
CESGA e Universidade de Vigo acollen a última xuntanza do proxecto europeo FabLabs
Do 20 ao 22 de maio de 2025, o CESGA e o centro atlanTTIC da Universidade de Vigo fomos sede da última reunión do consorcio do proxecto europeo FabLabs – Digital Fabrication Laboratories in Education, unha iniciativa Erasmus+ na que participamos desde 2022, e que promove o uso dos laboratorios de fabricación dixital como recurso innovador no ensino superior.
Durante o encontro, xunto con profesorado e investigadores doutros catro países (Eslovenia, Portugal, Italia e Alemaña) pertencentes a universidades e centros tecnolóxicos, revisáronse os contidos elaborados no marco do proxecto e avaliáronse as mellores propostas para difundilo e facelo máis aproveitable no futuro. O obxectivo é favorecer a aprendizaxe activa, o traballo colaborativo e o desenvolvemento de competencias STEAM entre alumnado e profesorado de FP, usuarios e mentores de FabLabs, ou estudantes de primeiro curso de disciplinas técnicas universitarias.
Un dos momentos clave da reunión foi o Multiplier Event, unha xornada de difusión na que se presentaron os principais resultados do proxecto. En especial, deuse a coñecer o curso en liña desenvolvido polo consorcio, que está dispoñible de forma aberta e gratuíta a través da plataforma do proxecto:
🔗 https://toolkit.fabs-erasmus.eu/
Este curso está concibido como unha guía práctica para o profesorado que queira iniciarse no mundo dos FabLabs e empregar estas tecnoloxías en contextos educativos. Os materiais inclúen recursos pedagóxicos, exemplos de actividades, ferramentas dixitais e orientación metodolóxica centrada nas seguintes temáticas: Pensamento de Deseño, Desenvolvemento de produto IoT, Blockchain e IoT, Intelixencia Artificial e Big Data.
Ademais, durante a súa estadía en Galicia, o grupo participante tivo a oportunidade de visitar a empresa Televés, en Santiago de Compostela, onde puideron coñecer distintas aplicacións industriais da fabricación dixital e como estas tecnoloxías están a transformar procesos produtivos en sectores clave.
O proxecto FabLabs afronta a súa recta final co obxectivo de seguir apoiando ao profesorado na adopción de metodoloxías innovadoras que conecten a educación cos retos tecnolóxicos actuais.
Máis información:
🌐 https://fabs-erasmus.eu/