
Participación no FP Innova 2025
O pasado 26 de marzo, o noso departamento participou no evento PF Innova 2025, organizado pola Xunta de Galicia, un encontro centrado na innovación e internacionalización na Formación Profesional.
Ás 18:45h tivo lugar a mesa redonda titulada “Innovación e Internacionalización”, na que interveu a nosa compañeira María José Rodríguez Malmierca. Durante a súa intervención, presentou o proxecto FabLabs, no que o noso departamento está directamente implicado.

A intervención da nosa compañeira María José Malmierca
Dentro deste proxecto, a nosa principal contribución é o deseño e desenvolvemento dunha unidade de “Introdución á Intelixencia Artificial” dentro dos materiais do curso resultante do proxecto, dirixido a profesores e estudantes de FP, así como a usuarios dos propios FabLabs. Este módulo está concibido cun enfoque altamente práctico, pensado para achegar os fundamentos da IA dun xeito accesible, útil e aplicable aos contextos educativos e aos proxectos que se desenvolven nestes espazos de innovación.
A intervención de María José permitiu poñer en valor a importancia da IA na educación técnica e profesional, e destacou como o noso módulo contribúe á modernización das competencias dixitais no ámbito da FP, ofrecendo ferramentas concretas que poden ser integradas tanto na aula como en proxectos colaborativos nos FabLabs.