XIV día das Rapazas nas TIC – 2026

XIV día das Rapazas nas TIC – 2026

O día 23 de abril de 2026 terá lugar o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e, como dende o 2013, celebrámolo dende o Centro de Supercomputación de Galicia!

Ás 11 da mañá celebraremos un coloquio retransmitido por streaming no que participarán 4 investigadoras e profesionais galegas que traballan a diario coas tecnoloxías, e que compartirán, dun xeito ameno e polo miúdo, a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de tod@s. Dende os centros escolares de primaria e secundaria, as rapazas e rapaces enviarán as súas preguntas e inquedanzas en directo en diálogo directo con elas.

Non sabedes o que é o Día Internacional das Rapazas nas TIC? É unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.  Aquí está toda a información do movemento a nivel internacional.

Para saber máis o que é o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e a supercomputación, mira este vídeo.

As protagonistas

Marta Castiñeira Reis . Marta Castiñeira Reis traballa no CESGA como técnica de investigación en simulación computacional e análise de datos no proxecto EDD-DATAlife. É doutora en Química Teórica e Modelización Molecular pola Universidade de Vigo (2019), unha área que utiliza métodos computacionais para estudar a estrutura, as propiedades e a reactividade das moléculas. Durante a súa tese doutoral e a súa etapa posdoutoral investigou procesos de catálise, é dicir, reaccións químicas aceleradas ou dirixidas por certas substancias para obter novos compostos de interese, incluídos posibles fármacos. Tamén traballou en astroquímica, estudando como se forman moléculas no espazo e que procesos químicos poden ter lugar en condicións extremas, como as do medio interestelar. O seu traballo combina química, física, informática e análise de datos para responder preguntas complexas sobre a materia, tanto na Terra como no universo.

Patricia González Gómez. Catedrática e investigadora no Departamento de Enxeñaría de Computadores da Universidade da Coruña. A súa investigación céntrase na computación de alto rendemento, incluíndo o uso de supercomputadores, computación na nube (cloud) e análise de grandes volumes de datos (big data) para resolver problemas científicos complexos. Tamén traballa en áreas como a bioinformática e o desenvolvemento de métodos avanzados para acelerar cálculos e analizar grandes cantidades de información. Coordinou o Máster en Computación de Alto Rendemento e ocupou varios postos directivos na Universidade da Coruña.

Hilda Romero Velo é investigadora no CITIC e candidata a doutora en Computación pola Universidade da Coruña (UDC). Con formación en Música e Informática, e experiencia como pianista e gaiteira, centra a súa investigación na Recuperación de Información Musical e na Etnomusicoloxía Computacional. Traballa especialmente coa música de tradición oral, como a galega e a irlandesa, empregando metodoloxías e algoritmos da informática e da bioinformática para analizar e comparar melodías co obxectivo de comprender as relacións entre diferentes tradicións musicais. Ademais, desenvolve ferramentas que apoian a aprendizaxe de partituras e sistemas capaces de buscalas a partir dunha cantaruxada ou da interpretación dunha melodía nun instrumento.

Aránzazu Sucasas Hermida traballa en Telefónica e actualmente é candidata a doutoramento na Universidade de Vigo (UVigo), onde desenvolve unha investigación centrada na segmentación de lesións mamarias en resonancia magnética para a detección precoz do cancro de mama. É Enxeñeira de Telecomunicacións e conta cun Máster en Enxeñería Biomédica e Saúde Dixital . Na actualidade traballa en Optimización Radio en Telefónica Móviles, centrada na análise e mellora do rendemento das redes móbiles (5G, 4G e 3G) para garantir a calidade dos servizos de voz e datos.

Axenda

A actividade comezará ás 11 da mañá, e terá unha duración aproximada de 1 hora e media. Próximamente actualizaremos esta información con máis detalle.

Para participar, pulsa na sección “Inscribirse” na barra superior da web.

Podes seguir e difundir toda a información do evento e as nosas actividades nesta web ou en:

Organizan

Centro de Supercomputación de Galicia (dependente de GAIN e CSIC), Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG).

Colaboran

Xunta de Galicia: (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a AMTEGA); Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, sección Galicia (AMIT-Gal); Asociación .GAL; USC (Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende, CITIUS e Oficina de Igualdade); Facultade de Informática da UDC; UVigo(Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, atlanTTic) ; Colectivos Hello Sisters! e GalsTech

Imaxe da cabeceira creada por pikisuperstar – www.freepik.es